Fiestas Patronales en honor de San Roque - VILAGARCIA DE AROUSA

O día máis esperado das festas de Vilagarcía de Arousa é o 16, festividade de San Roque, data na que conflúen dous dos máis soados actos: a procesión do santo, de tradición secular, e a Festa da Auga, nacida nos anos 80 de forma espontánea e xa con recoñecemento institucional. Deste xeito, a programación do día comeza coa misa solemne e a multitudinaria procesión do Santo, que, lonxe do recollemento que adoita caracterizar estes actos, aquí ten unha compoñente moi festiva, pois o percorrido se fai baixo as notas do pasodobre “Triunfo” e ata se fai bailar ao santo.
A localidade está preparada para o que vén a continuación: unha vez o santo é introducido na capela dáse o sinal para que se inicie unha auténtica guerra de auga. Ten lugar nunha ampla e acoutada “zona húmida” e nela participan ata as mangueiras dos camións de bombeiros. Pistolas de auga, globos, cubos desde os balcóns, mangueiras domésticas… calquera “arma” é boa se contribúe ao baño dunha multitude que concentra ata 30.000 persoas. A diversión está asegurada e continúa logo na praia coa comida.
As festas patronais de Vilagarcía caracterízanse, ademais, pola diversidade de festexos, xa que conta cun afamado Combate Naval con fogos de artificio entre un barco e un castelo, no peirao, e dúas citas gastronómicas moi consolidadas: a Festa da Ameixa de Carril e a Mostra do Albariño Artesanal Albarousa. 

Destacado:

Baño multitudinario, entre música de charangas, na Festa da Auga.


Fonte: turgalicia.es