Vilagarcía, capital da Ría de Arousa e porto natural de Santiago de Compostela, conta cunha poboación de case 35.000 habitantes, o que a converte na oitava cidade de Galicia. Polas súas características xeográficas, é un foco de atracción para moitas persoas, que escollen esta cidade para fixar a súa residencia, xa sexa primeira, segunda ou vacacional.
E isto non é casual. Poucas cidades poden ofrecer unha situación e un clima como o que goza Vilagarcía, a beiras do mar e sen temperaturas extremas, e, ademais, porto de interese xeral, estación do ferrocarril, acceso directo á autoestrada, aeroporto a media hora de camiño, hospital, recinto feiral, cámara de comercio, un rico patrimonio histórico-artístico, unha gastronomía na elite galega, comercio tradicional e franquías internacionais, praia e porto deportivo con bandeira azul, bandeira verde á cidade sustentable, paseo marítimo, complexo polideportivo que inclúe piscina e estadio de atletismo, festas de interese turístico e unha ampla e variada oferta lúdica, cultural e deportiva.
Por todas estas razóns, Vilagarcía de Arousa é un lugar ideal para vivir tranquilamente, con todos os servizos dunha cidade sen os abafos desta e a posibilidade de gozar da oferta lúdica dos principais concellos galegos sen necesidade de grandes desprazamentos. En definitiva, un lugar con calidade de vida.
Pero, por iso mesmo, Vilagarcía é tamén un lugar ideal para establecer o ?centro operativo? dunhas vacacións inesquecibles en Galicia. Vilagarcía, cuxas festas están declaradas ?de interese turístico? (procesión de San Roque, Festa da auga, Festa da Ameixa de Carril, Combate Naval, Mostra do Albariño...), está a media hora de Santiago (Patrimonio da Humanidade) e de Vigo, coa súa oferta comercial e lúdica, a 25 quilómetros de Pontevedra, a capital provincial, a 12 de Cambados (Festa do Albariño e conxunto histórico), a 30 do Grove (Festa do Marisco) e A Toxa (Gran Hotel e Balneario), a 8 de Catoira (Romaría Viquinga), a 25 de Sanxenxo (capital do turismo galego), e a pouco máis dunha hora de Portugal por autovía...
Ademais, en Vilagarcía é fácil practicar calquera tipo de deporte. A maioría dos hoteis da localidade teñen un convenio co Club de Golf de Meis (a 12 quilómetros), o primeiro público de Galicia, do cal o Concello é socio principal. E Vilagarcía e a súa ría son o paraíso dos amantes da vela e os deportes náuticos.
Bo clima, cordialidade, situación privilexiada, calidade de vida, patrimonio histórico, gastronomía, lecer, deportes náuticos, praia urbana, festas de interese turístico... todo isto e máis é o que ofrece ao viaxeiro Vilagarcía, Cidade de Arousa, Mar de Compostela.